Thursday 02 de May de 2024

Representacións, exposicións, astronomía, audiovisuais, música e conferencias centran o ciclo ‘Un mes e Pico’


O Concello de Boqueixón ofrecerá actividades de balde durante todas as fins de semana ata o 29 de xuño

O Concello de Boqueixón pon en marcha unha iniciativa pioneira que ten como principal obxectivo poñer en valor o chamado Monte Sagrado. O alcalde, Manuel Fernández Munín; o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro Tato; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os concelleiros de Cultura, Mari Botana, e de Turismo, Alejandro Bermúdez, e a escritora e autora da saga Dragal, Elena Gallego Abad, presentaron esta mañá o programa Un mes e Pico, Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro.

Esta iniciativa propón actividades gratuítas durante todas as fins de semana ata o día 29 de xuño. En verbas do rexedor, Manuel Fernández Munín, “ofreceranse propostas do máis variado: dende un obradoiro de observación de estrelas ata representacións coma a Cerimonia do Lume Sagrado, pasando por visitas teatralizadas, recitais musicais e conferencias de diverso tipo. Unha ampla programación coa que queremos dar a coñecer toda a historia, mitoloxía e lendas en torno ao Pico Sacro, que tan vinculado está coa tradición xacobea”. O alcalde agradeceu “o apoio amosado dende a Xunta de Galicia para a posta en marcha desta iniciativa coa que agardamos continuar nos vindeiros anos”.

Pola súa banda, Elena Gallego Abad felicitou ao Concello por desenvolver “esta novidosa iniciativa en torno a un dos indiscutibles lugares máxicos de Galicia”. A escritora lembrou a presenza do Pico Sacro na súa saga literaria e adiantou que para a quinta edición do seu Dragal incorporaranse outras lendas relacionadas con Alejandro Magno e os mitos armenios dos homes dragón.

Dende a Secretaría Xeral de Igualdade, Valentín García afirmou que “este ciclo é un paso necesario para que o Pico Sacro sexa escenario para todo tipo de actos e que teña autoridade para proxectar o mito xacobeo”. Ao mesmo tempo, lembrou a importancia deste enclave, “que é o centro tectónico de Galicia e que marca o horizonte para indicarnos onde está o Apóstolo Santiago”. Por iso, agardou que dende o Concello de Boqueixón se sigan desenvolvendo iniciativas deste tipo para “reforzar o labor de promoción deste Monte Sagrado”.

Nesta mesma liña tamén se pronunciou Ovidio Rodeiro, quen felicitou ao Concello de Boqueixón “por seguir sumando novas medidas de posta en valor deste Pico Sacro”. Lembrou, ademais, que se están a desenvolver outro tipo de proxectos como o recentemente galardoado co Premio Parabéns e que prevé diversas accións para mellorar “o que Castelao chamaba o altar de Galicia”.

Programa completo

O ciclo Un mes e Pico ofrece unha decena de actividades, que comezaron esta mesma semana coa instalación da mostra O Pico Sacro no Códice Calixtino, “que xa se pode visitar na Casa do Concello”, tal e como indicou Manuel Fernández Munín. “Esta mostra poderase visitar de balde ata o próximo 29 de xuño”, detallou o rexedor boqueixonés.

A seguinte cita será o 27 de maio pola mañá coa tradicional Romería do Pico de Maio. Ese mesmo día, ás 17.30 horas, Suso Martínez e Belén Espiñeira ofrecerán no Pico Sacro a visita teatralizada titulada A resurrección da Raíña Lupa. Translatio do corpo do Apóstolo.

O día 2 de xuño presentarase na Capela de San Sebastián o audiovisual Raíña Lupa. Esta actividade desenvolverase a partires das 19.00 horas.

Sete días máis tarde, o antropólogo, escritor, documentalista e investigador, Rafael Quintía, ofrecerá a conferencia O mito dos mouros e da Moura e a súa relación co Pico Sacro. Terá lugar o 9 de xuño ás 20.00 horas na Capela de San Sebastián.

Contando coa colaboración do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller, ofrecerase o día 16 de xuño ás 23.00 horas un Taller de Observación de Estrelas. Ao día seguinte, ás 13.00 horas, terá lugar a Cerimonia do Lume Sagrado, tamén no Pico Sacro.

Esta representación trasladarase a Santiago de Compostela o día 22 de xuño ás 22.30 horas coa Ofrenda do Lume Sagrado. A comitiva da Raíña celta Alda sairá da Alameda compostelá para dirixirse, atravesando o casco histórico, á Praza de Mazarelos onde se realizará esta cerimonia.

Ao día seguinte, ás 20.00 horas, abriranse as portas da Capela de San Sebastián para todas aquelas persoas que queiran participar na Entrega do Lume Sagrado. Poderán tamén recoller cadanseu lume para prender despois as súas fogueiras na máxica noite de San Xoán.

O ciclo Un mes e Pico finalizará nesta mesma capela coa conferencia de Xosé Manuel Lobato titulada De mouros, oestrinios, romanos e outros e un recital de piano a cargo de Sofía Silva Carbajales. Esta última cita terá lugar o día 29 de xuño ás 20.00 horas.

Todas as actividades son de balde, previa inscrición no Departamento de Turismo. Poderanse realizar a través do teléfono 981 513 061 ou do e-mail boqueixonturismo@gmail.com.